Saturday 20 de April de 2024

“Mulleres no cómic”


A nova exposición do Museo do Humor de Fene amosa ata o 30 de xaneiro de 2016 o traballo de 27 creadoras de historietas, cómics e tebeos

Coincidindo co comezo das vacacións escolares, o luns 21 de decembro, abrirá ao público na sala de Banda Deseñada do Museo do Humor de Fene (3º andar da Casa da Cultura) a exposición “Mulleres no cómic. Unha visión feminina da novena arte”. A mostra, de Tucutucu Produccións Culturais, componse de 50 obras gráficas de 27 autoras de distintas nacionalidades (Ana Miralles, Allison Betchdel, Susanna Martín, Diana Raznovich, ElenaPuntoG, Maitena, Marjane Satrapi, Marta Vives…) co obxectivo de achegar ao público “outras formas de visibilidade e de interpretación da realidade das mulleres”.
O horario de visitas da exposición será, durante o Nadal, de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas e de 17.00 a 21 horas. Os sábados e domingos (19, 20, 26, 27 de decembro e 2 e 3 de xaneiro) e os días 24, 25, 31 de decembro e 1 de xaneiro o Museo do Humor permanecerá pechado ao público.
Segundo explica a comisaria da mostra, Elena Vergara, “a partir dos anos 70 algunhas autoras comezaron a debuxar historias nas que narraban con humor e realismo vivencias propias ou de mulleres reais, cribles e próximas. Nelas atopábamos por primeira vez o reflexo dos sentimentos e da sexualidade feminina non distorsionada pola visión androcéntrica e alonxada de certos estereotipos.

Nos últimos anos, estes cómics están a cobrar grande importancia coa aparición dunha serie de mulleres que se deron a coñecer nos últimos anos, ocupando cada vez máis notoriamente as estanterías de librerías e bibliotecas. Nas súas obras, estas mulleres

expresan o seu malestar coa imaxe feminina e os roles atribuídos segundo o xénero, incorporando nos seus traballos as súas experiencias persoais ou investigando sobre as
posibilidades narrativas e estéticas da súa propia percepción, alterando en todos os casos os valores establecidos. Entre outras temáticas, abordan nas súas obras a violencia de xénero, as relacións familiares e de parella, o cancro, a inmigración, a sexualidade, a adolescencia…amosando ata ónde é posible chegar coa historieta e cómo a través dela poden artellarse discursos apaixoados e desgarradores…ou absolutamente hilarantes”.